A finais dos anos 80 fundouse en Santiago de Compostela a Asociación profesional de galerías de arte de Galicia co obxectivo de unir os intereses comúns dunha serie de pequenas empresas que, naquel momento, realizaban en solitario unha ardua labor de promoción e exhibición de artistas contemporáneos.

A situación cultural e social provocaba que a maioría dos creadores se visen obrigados a sair fóra de Galicia para amosar os seus traballos e así poder sobrevivir nun ámbito de comportamento menos hostil cara á modernidade en xeral. Tras a posta en marcha de inicitivas institucionais, como foron a creación do CGAC ou MARCO, centros que normalizaron as relacións do público coa existencia e manifestacións da arte contemporánea, o panorama cambiou e actualmente quince galerías están asociadas, sendo cinco delas admitidas regularmente en Arco.

A profesionalización do sector e un tímido aumento do coleccionismo marcaron a tendencia expansionista do medio galerístico galego nos últimos anos. Actualmente e, sen grandes saltos por provincias, é habitual que a iniciativa privada manteña moi alto o nivel de interese das súas propostas expositivas, arriscando ao máximo para amosar nas súas salas as obras máis recentes dos mellores artistas galegos en igualdade de condicións coas figuras máis relevantes do panorama nacional e internacional.